martes, 19 de marzo de 2019

PRESENTACIÓN DO LIBRO PALABRA DE BRUXA

Tivemos a gran fortuna de ter entre nós unha muller fonsagradina: ANDREA BARREIRA FREIJE,  que veu presentarnos o seu novo libro PALABRA DE BRUXA.

Aínda que a súa visita non puido ser no 8M, o día que veu (o 11 de marzo) celebramos igualmente o día da muller, xa que é un personaxe feminino a protagonista deste engaiolante libro.

PALABRA DE BRUXA  transporta ao lector a un pasado no que moitas mulleres eran xulgadas pola Inquisición ao seren inxustamente acusadas de bruxas, como é o caso de Berenice , personaxe principal da obra.

Andrea compartiu con nós toda a súa sabedoría sobre este tema, así explicou que tipo de mulleres eran consideradas bruxas daquela , cal era a primeira proba que lle facían para saber se realmente o eran e que macabras prácticas lle facían para tratar de arrincar a súa confesión.

Todo isto refllíctese perfectamente no libro, pero ademais a autora adéntranos de maneira maxistral nos sendeiros das emocións e sentimentos dos personaxes facendo que o lector os acolla como propios, tocando a nosa fibra sensible

É ademais unha novela que, aínda que se encadra no pasado, fai un alegato feminista moi forte; preséntanos a mulleres de diferentes idades; pero todas elas sabias. dignas, xenerosas e cun estilo de vida sempre acorde ás regras da nai natureza, a única deusa recoñecida por elas. É, precisamente, por sairse das normas,polo que eran marxinadas e, como o resto das mulleres, consideradas inferiores aos homes.

Non podemos deixar de recoller aquí unhas palabras saídas dos beizos da protagonista, Berenice: "Confeso non ser nin sentirme insignificante, menos válida, incapaz ou calquera outro termo absurdo que se vos pase pola cabeza polo feito de ser muller, Nin tan siquera creo que teña calidades menores á dun home"

Á presentación asistiu alumnado dos cursos que van desde 2º da ESO ata 2º BAC. E moitos deles fixeron preguntas a Andrea e, cando rematou o acto, dixeron que quedaran con ganas de facer máis e que se lles pasara o tempo enseguida. Un moi bo sinal de que lles gustou.

Desde aquí animamos a todo o mundo a que se adentre nesta lectura que non deixa indiferente ao lector e apoiamos a esta xove autora, desexándolle moitos éxitos coa súa literatura e que, por suposto, volva de novo a ilustrarnos e a compartir momentos tan especiais con nós.

No hay comentarios:

Publicar un comentario